Un metal esencial para a vida moderna
É posible que o nome do wolframio non sexa tan coñecido como o do ferro ou o cobre, pero é un dos metais máis importantes para a industria moderna. Está presente en produtos e tecnoloxías que usamos cada día, moitas veces de forma invisible.
O wolframio utilízase, entre outros ámbitos, en:
- Industria metalúrxica: diversas ferramentas industriais que permiten fabricar numerosas pezas para maquinaria industrial, aeroespacial e de defensa
- Industria das telecomunicacións: teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos
- Industria enerxética: turbinas eólicas e tecnoloxías de enerxías renovables
- Industria médica: equipos médicos, láseres e escáneres
- Industria do deporte: raquetas de tenis, paus de golf, carrocerías de F1
Sen este metal, moitas das tecnoloxías que sustentan a nosa economía moderna simplemente non serían posibles.


Propiedades únicas e insustituíbles
O wolframio posúe propiedades físicas excepcionais. É extremadamente duro, moi resistente ao desgaste e ten o punto de fusión máis alto de todos os metais puros coñecidos (3.422 °C).
Estas características convérteno nun material fundamental cando se necesita resistencia, precisión e durabilidade en condicións extremas.
Ademais, en moitas das súas aplicacións o wolframio é practicamente insustituíble: actualmente non existe outro material que ofreza as mesmas propiedades físicas e técnicas para determinados usos industriais. Por este motivo, considérase un metal estratéxico para numerosas industrias avanzadas.
3.422 °C
é o punto de fusión do volframio
> 80%
da produción mundial concéntrase na China
3 minas activas
en Europa
Materia prima crítica
para a Unión Europea
Un mercado altamente concentrado
A produción mundial de wolframio está fortemente concentrada. Máis do 80 % do subministro global procede da China, que ademais concentra gran parte da capacidade mundial de procesamento.
Esta elevada concentración converte o wolframio nun recurso especialmente sensible dende o punto de vista xeopolítico. Cambios nas políticas comerciais ou nas exportacións poden ter un impacto directo no subministro global e nos prezos do mercado.
Unha dependencia elevada en Europa
Na actualidade, Europa produce só unha pequena parte do wolframio que consume. De feito, en todo o continente existen unicamente unhas poucas minas activas deste metal.
Esta dependencia de subministros externos representa un desafío para sectores clave como a automoción, a industria metalúrxica, a tecnoloxía avanzada ou as enerxías renovables, que dependen dun acceso estable a materias primas críticas.
Por esta razón, a Unión Europea identificou o wolframio como unha materia prima crítica e promove o desenvolvemento de proxectos mineiros responsables dentro do seu territorio.
Un prezo en forte crecemento
Nos últimos tempos, o mercado do wolframio experimentou unha subida moi significativa. Entre xaneiro do 2025 e marzo do 2026, o prezo do metal pasou de 335 USD/mtu a aproximadamente 2.100 USD/mtu, o que supón unha subida de máis do 500% en 15 meses.
Este incremento sen precedentes estivo impulsado por unha combinación de factores, entre eles a crecente demanda industrial e as restricións no subministro global. Para poñer esta evolución en perspectiva, nese mesmo período o prezo do ouro aumentou ao redor dun 65 %, captando moitos titulares na prensa. Pero como vemos, esa subida do ouro está moi por debaixo do crecemento observado no wolframio.
Esta evolución reflicte a crecente importancia estratéxica do wolframio nos principais sectores industriais e a intensificación da competencia internacional por asegurar o acceso a este metal esencial.
Un recurso clave para a industria e o emprego
Garantir o acceso a materias primas como o wolframio non é unicamente unha cuestión económica. Tamén é un elemento clave para a seguridade industrial, a competitividade tecnolóxica e a protección de miles de empregos en Europa.
Neste contexto, o desenvolvemento de proxectos como San Juan contribúe a reforzar o subministro europeo dun metal esencial para numerosas industrias estratéxicas.
